Home Opinião Coronavirus (II) Non é tempo de ideoloxías Xan Leira (Galiza)

Coronavirus (II) Non é tempo de ideoloxías Xan Leira (Galiza)

por Xan Leira

Esta ladaíña é outro dos recursos retóricos que o poder intenta trasladar á sociedade desde o minuto un da actual crise social, política e económica derivada da pandemia do coronavirus, para crear un ambiente dócil e á vez patriótico para xestionar esta situación límite. 

Todos os tempos e as manifestacións humanas e sociais están marcadas pola ideoloxía, iso é unha obviedade. A onda privatizadora da sanidade, da educación, da banca e doutros servizos públicos e a precarización do funcionariado e o conxunto do asalariado –incluídos militares e policías– é unha clara manifestación da ideoloxía do neoliberalismo que executaron e executan, por igual, conservadores e socialdemócratas.

Non é tempo de ideoloxías din os que nos gobernan: a Unión Europea xestiona esta crise co receitario clásico do neoliberalismo e do austericidio; o goberno socialista e podemita pon, outra vez, diñeiro nos bancos para que fagan o seu negocio xestionando os recursos públicos que deberían ir directamente ao peto das Pemes e traballadores autónomos; os partidos conservadores e neo-fascistas que controlan algúns gobernos das Comunidades Autónomas, entre elas a Comunidade de Madrid –paradigma privatizador e principal foco da pandemia– esixen recursos públicos para sortear a crise sanitaria; namentres, os profesionais e traballadores da sanidade poñen o seu saber, vocación, corpo e alma para paliar con entrega e risco os efectos desta peste.

Este, coma calquera outro, é tempo de ideoloxías e de enfrontamento vivo entre o modelo neoliberal que asolaga de pobreza e marxinación á cidadanía e un modelo social xusto e sostible para todos; entre o negocio da educación e sanidade privada excluínte e segregadora e unha sanidade e educación pública de calidade e inclusiva; entre a especulación da banca privada e unha banca pública fomentadora de benestar social, económico e cultural da poboación fomentando industrias e traballos sostibles; entre a marxinación social e a creación dunha Renda Básica Universal que garanta recursos dignos a todas as persoas. Estes son algúns dos combates e da guerra en paralelo que temos que librar xa en corentena e desde o minuto un da saída dela. 

Temos que gañar as rúas non soamente para festexar a vida senón, tamén, para provocar un cambio radical no rumbo suicida que comanda o neoliberalismo. A falta de mascaras, batas, camas e outros recursos sanitarios para sandar á poboación infectada polo coronavirus é o resultado do imperio dunha ideoloxía que mata, a neoliberal.

0 comentário
1

RECOMENDAMOS

Comente

* Ao utilizar este formulário, você concorda com o armazenamento e gestão de seus dados por este site.