Home Opinião Coronavirus (I) Unha crise sempre é unha oportunidade – Xan Leira (Galiza)

Coronavirus (I) Unha crise sempre é unha oportunidade – Xan Leira (Galiza)

por Xan Leira

Teño a certeza que esta oración do título nunca apareceu nas cabeceiras dos xornais, ou nos programas das radios principiando o comentario dun reporteiro desprazado a un campo de batalla na Primeira Grande Guerra ou na Segunda Guerra Mundial. 

Daquela, a traxedia humana, individual ou colectiva, comunicábase con respecto e sobriedade. Eran épocas nas que as arelas de cambio e xustiza puñan a vida ao servizo dunha causa superior: a causa do común, a de todas e todos. Aínda non chegara a frivolidade das redes sociais e das novas tecnoloxías a domesticar as cabeciñas escravizadas polo consumismo da actual sociedade.   

Esta frase convertida en axioma, seguro, comezou a instalarse no discurso dos profetas da Nova Orde Mundial xurdida trala caída do Muro de Berlín e a posterior caída da URSS. En síntese, cando o capitalismo venceu ao socialismo que, aínda que deturpado pola burocracia soviética logrou durante 80 anos sacar da pobreza á súa poboación e proxectar no mundo (con serias contradicións) a idea que un mundo mellor era posible e contrarrestar así o enorme e salvaxe poder económico, militar, diplomático e intelectual que o capitalismo exercía no mundo.

Unha crise sempre é unha oportunidade! 

Para quen? 

Para os de sempre, por exemplo, para a monarquía española, así pode agachar debaixo da moqueta a corrupción Borbónica; para os lobbys dos grandes capitais europeos que actúan nas institucións europeas; para as grandes corporacións internacionais que seguen concentrando enormes cantidades de capitais; para grupos fascistas ou neo-fascistas (Vox) que queren disciplinar as rúas facendo o traballo sucio dos poderosos.

Namentres, no mundo segue avanzando o recalentamento global, os feminicidios, a traxedia dos desprazados, o traballo infantil escravo, o dengue, a malaria, a pobreza.., nas redes sociais aparecen entusiastas comentaristas con vocación de influencer que frivolizan con este mantra viral (mantra: instrumento mental) para sortear a enorme traxedia mundial na que nos reinstala, despois da crise de 2008, o coronavirus. 

O pobo volve estar, como na crise do 2008, sometido á forza paralizante das redes sociais e dos medios de comunicación. Non esquezamos o mantra emanado dende os púlpitos do neoliberalismo: unha crise sempre é unha oportunidade, e o pobo a vítima.

No contexto da formalidade democrática actual, gobernada por políticos funcionais ao capitalismo de casino que protexen e aseguran a supervivencia dos grandes intereses económicos, o pobo ten que poñer definitivamente as súas múltiples intelixencias e forzas ao servizo dunha causa superior: a causa do común, a de todas e todos, a causo do pobo, quen máis ordena…!

0 comentário
0

RECOMENDAMOS

Comente

* Ao utilizar este formulário, você concorda com o armazenamento e gestão de seus dados por este site.