Home Internacional ARXENTINA: PRIMEIRA FOLGA XERAL CONTRA AS POLÍTICAS ECONÓMICAS DE MAURICIO MACRI E O F.M.I.

ARXENTINA: PRIMEIRA FOLGA XERAL CONTRA AS POLÍTICAS ECONÓMICAS DE MAURICIO MACRI E O F.M.I.

por Xan Leira

A relación entre a República Arxentina e o Fondo Monetario Internacional (FMI) está estreita e traxicamente vencellada ás ditaduras militares implantadas neste país dende 1956 en diante. Dito doutro xeito, só a intervención antidemocrática, antipopular, violenta e xenocida das forzas armadas no pasado –violación da constitucionalidade democrática, represión, torturas, desaparición de 30.000 detidos na última ditadura militar e prohibición da actividade política e sindical– permitiron a implantación das políticas económicas neoliberais promovidas, onte e hoxe, polo F.M.I.

O contrato FMI-Arxentina foi acordado días atrás entre a directora do organismo internacional Christine Lagarde e o presidente-empresario Macri, ambos os dous con problemas de corrupción nos seus respectivos países. Na parte non escrita do contrato figuran: fame, desocupación, baixada de salarios e pensións, entrega das pancas fundamentais da economía, privatización de empresas e servizos públicos, aumento desproporcionado das tarifas dos servizos e unha longa e macabra listaxe de medidas que levan -como sabemos polos países europeos intervidos-, directamente á concentración de capital polos grandes monopolios e trust financeiros internacionais. Monopolios e trust aos que pertencen moitos dos ministros-CEO do empresario-presidente Macri que, por defecto profesional, gobernan o país como se fose a súa facenda.

No actual contexto democrático, o goberno de Macri –sostido pola alianza dereitista Cambiemos–, conta para esta batalla do axuste económico co apoio dos grupos de comunicación hexemónicos, as grandes corporacións nacionais e multinacionais, xuíces, políticos e sindicalistas que gardan no seu ADN o odio á anterior xestión dos presidentes Néstor Kirchner e Cristina Fernández que, indiscutibelmente, apostaron acertadamente por políticas inclusivas de desenvolvemento do mercado interno e a re-industrialización do país.

Se en décadas pasadas era necesaria a intervención militar para implantar as medidas antinacionais e antipopulares do F.M.I., cales serán os recursos de mediación social que instrumentará este goberno para frear a mobilización social, sindical e política da sociedade arxentina?

O presidente-empresario declarou, diante das cúpulas militares nun acto polo Día do Exército, que o goberno está analizando “un novo rol das forzas armadas”, para logo subliñar: “necesitamos forzas armadas que se adapten ás necesidades do século XXI e preparadas para as ameazas que hoxe nos preocupan”. A tradución disto quere dicir que a dereita arxentina non desbota a posibilidade de empregar, novamente, o exército para neutralizar e reprimir ao movemento obreiro organizado máis importante de Latinoamérica para aplicar as súas políticas de axustes.

As rúas de Buenos Aires amañecen baleiras e, practicamente, sen ningún tipo de actividade. A primeira folga xeral contra a alianza Macri-Lagarde abre as portas para que o Parlamento arxentino rexeite estes acordos asinados en beneficio exclusivo dos grandes capitais.

Xan Leira

Dende Buenos Aires

0 comentário
0

RECOMENDAMOS

Comente

* Ao utilizar este formulário, você concorda com o armazenamento e gestão de seus dados por este site.