Home Internacional Volver ao futuro: a Arxentina de Macri

Volver ao futuro: a Arxentina de Macri

por Xan Leira

De igual xeito que a película de Steven Spielberg nos prometía unha historia proxectada cara o futuro e por un erro ía cara o pasado, o empresario-presidente Mauricio Macri vendeulle á súa clientela electoral de 2015, cun discurso frívolo, superficial e cheo de mentiras, a falacia dun futuro venturoso, xusto, inclusivo e prometedor…

A cabalo do terceiro ano de mandato, o empresario-presidente meteu ao país de cheo no inferno do seu peor pasado: débeda externa desorbitada; o risco país polas nubes; caída da produción industrial; altísima inflación, despidos masivos de traballadores e traballadoras; peche masivo de comercios; perda do poder adquisitivo dos salarios de preto dun 50 %; redución do orzamento público, etc., etc., etc. Mais, o empresario-presidente conta na súa cruzada neoliberal co visto bo do FMI que suxire as súas receitas para a eutanasia; unha Xustiza funcional a este estado de cousas; uns medios de comunicación hexemónicos que constrúen diariamente o relato necesario para adurmiñar ao conxunto da sociedade.

Neste breve crónica non vou afondar nestes aspectos da macro e microeconomía que falan por se mesmos e debuxan unha paisaxe desoladora co horizonte posto no pasado, no “Corralito”.
Hoxe quero compartir para a reflexión dous feitos de extrema gravidade que foron promovidos dende algún nivel oficial ou paraoficial, procura quebrar a resistencia dos traballadores e traballadoras da educación pública e dos seus sindicatos perante o avance das políticas neoliberais. O empresario-presidente quere unha educación privada.

O mércores 12 de setembro foi secuestrada a docente Corina de Bonis do Centro de Educación Complementaria N° 801 do Concello de Moreno, no oeste da provincia de Buenos Aires, por participar solidariamente de “ollas populares” que alimentan ao alumnado e veciños do barrio. En plena rúa foi encarrapuchada e introducida á forza nun vehículo para, posteriormente, ser torturada. Escribíronlle cun elemento cortante no abdome: “Ollas no”.

Catro días despois, o domingo 16 pola noite, o coche da docente Amanda González, e dirixente gremial no Concello bonaerense de Ramallo, apareceu danado coa inscrición: “Acordate de Corina”, en relación ao secuestro e tortura da súa colega, anteriormente sinalada.

O FMI, que dirixe a socialdemócrata Christine Lagarde, está atento á violación dos dereitos humanos que se producen na Arxentina de Macri?

Os gobernos “amigos” que apoiaron e apoian a cruzada antipopulista do empresario-presidente saben da desaparición e morte de Santiago Maldonado, nun suceso onde actuou a Xendarmería Nacional?

As políticas neoliberais para a destrución do tecido público, hoxe coma onte, só poden ser executadas con represión, terror e medo… O empresario-presidente e o seu goberno están traballando niso.

 

Xan Leira

0 comentário
0

RECOMENDAMOS

Comente

* Ao utilizar este formulário, você concorda com o armazenamento e gestão de seus dados por este site.