Home Internacional A DESPENALIZACIÓN DO ABORTO NA ARXENTINA

A DESPENALIZACIÓN DO ABORTO NA ARXENTINA

por Xan Leira

As Senadoras e Senadores arxentinos son observados, nestes intres, dende todo o mundo á espera da votación da Lei de Despenalización do Aborto. Namentres as inmediacións do Parlamento están ateigadas de milleiros de mulleres manifestándose a favor ou en contra da Lei (as favorábeis ao Si portan un pano verde e ao Non un pano azul), as cidades de Madrid, Barcelona, París, Nova York, Sidnei e outras ducias de cidades sumáronse á “onda verde” en defensa do exercizo libre dos dereitos das mulleres.

A Cámara de Senadores é un corpo tradicionalmente conservador, vencellado ao territorio e, polo tanto, con fortes compromisos coa oligarquía terratenente, a Igrexa Católica, Xuíces e caciques locais, todo isto fai supoñer que o Non vaise impoñer e, deste xeito, a Lei de Despenalización do Aborto, aprobada pola Cámara de Deputados, rexeitada.

As Senadoras e Senadores arxentinos saben que van contra o avance da historia que dita inexorabelmente, aquí e en todo o mundo, a defensa dos dereitos individuais e colectivos. Saben que a decisión das mulleres mobilizadas polo SI é firme e non ten data de caducidade. Saben que as achegas “científicas” para impulsar o Non carecen do máis mínimo rigor.

Saben que teñen que apelar á crenza relixiosa para non enfrontar a responsabilidade cidadá de lexislar para o conxunto da cidadanía.

Saben que a vida de milleiros de mulleres están en xogo e que a práctica clandestina do aborto é un problema de saúde pública.

As Senadoras e Senadores arxentinos saben que poden pagar os 1500 ou 2000 euros do aborto dunha filla ou dunha amante.

Saben que son o pasado…

A forte chuvia que cae sobre Bos Aires non logra desmobilizar a vixía das manifestantes da “onda verde” que agardan o resultado da votación. Música, cánticos, apertas, sensibilidade e unha decisión firme, feminina, cidadá de resistir… Saben que a historia está ao seu carón.

 

Xan Leira

0 comentário
0

RECOMENDAMOS

Comente

* Ao utilizar este formulário, você concorda com o armazenamento e gestão de seus dados por este site.